Tratamento e clases de uso da madeira para exterior
También puede leer este artículo en castellano
O obxectivo fundamental do tratamento da madeira é o de previr o ataque de insectos destructores da madeira, como as termitas, así como o azulado e os fungos que a fan podrecer.
A madeira sen tratamento ou deficientemente tratada podrece ou é atacada por insectos con facilidade. Algunhas madeiras, xeralmente tropicais, ofrecen unha aceptable durabilidade natural, pero o seu custo é superior. Outras madeiras de uso común, como o abeto, poderían ser unha alternativa se fosen impregnables en profundidade, pero o abeto é unha especie refractaria, medianamente impregnable. O piñeiro combina un bo nivel de penetración e de retención para os tratamentos, xa que o sámago é impregnable e o seu cerne tamén se pode impregnar parcialmente.
Na meirande parte da produción de Madeiras Lamas utilizamos madeira de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro de Monterrei (Pinus radiata) e piñeiro roxo ou rubio (Pinus sylvestris), especies cunha boa impregnabilidade para unha clase de uso IV. Para determinadas aplicacións e outras clases de uso tamén podemos tratar outras especies, como por exemplo vigas laminadas de abeto.
Os métodos de tratamento teñen a finalidade de encher as paredes e o interior das células da madeira co produto protector e favorecer a súa posterior fixación mediante reaccións químicas.
No noso proceso utilizamos un tratamento por vacuo-presión-vacuo coñecido como sistema de célula chea ou sistema Bethell.
Nos tratamentos a presión, o tratamento realízase sobre madeira previamente seca, facendo penetrar o protector de maneira forzada aplicando presión nun autoclave.
SISTEMA DE CÉLULA CHEA
Con este sistema búscase conseguir a máxima retención de protector na madeira tratada. A característica fundamental deste sistema é a aplicación dun vacuo inicial, que extrae o aire do interior da madeira e permite que penetre máis produto. O sistema Bethell é un sistema de célula chea, que consta das seguintes fases:
- Vacuo inicial, para extraer unha parte do aire da madeira.
- Enchido do autoclave con produto protector.
- Aplicación do produto protector a presión, que ocupará o espazo deixado polo aire extraído.
- Baleirado do sobrante de produto protector.
- Vacuo final para equilibrar a cantidade de protector retido na madeira.
Posteriormente hai que manter a madeira tratada protexida da choiva e das xeadas, para conseguir a fixación do produto protector. Este proceso, dependendo principalmente do tipo de madeira e as condicións de temperatura e humidade, dura entre un e tres días.
Cando o produto protector está fixado á madeira, esta pode ser utilizada nas diferentes aplicacións, sen risco de deslavado.
Unha vez seca a madeira tratada (humidade da madeira menor do 25%) pode pintarse con pinturas con base disolvente ou lasures para madeira, para darlle unha protección extra contra axentes físico-químicos como poden ser o sol, as xeadas ou a acción de axentes corrosivos, como podería ser o cloro das piscinas.
PRODUTO PROTECTOR
Actualmente en Madeiras Lamas usamos Xylacel Impralit KDS, un protector de sales hidrosolubles de boro e cobre, que non contén cromo e arsénico, con rexistro na DGSP nº 11-80-04033.
CLASES DE USO
As clases de uso da madeira están definidas por normas internacionais que valoran o risco de ataque de axentes xilófagos, en función do lugar onde se instala a madeira.
No noso caso, as clases de uso están definidas nas seguintes normas:
UNE EN 335-1: Durabilidade da madeira e dos produtos derivados da madeira. Definición das clases de uso. Parte 1: Xeneralidades.
UNE EN 335-2: Durabilidade da madeira e dos produtos derivados da madeira. Definición das clases de uso. Parte 2: Aplicación á madeira maciza.
A información fornecida por estas normas é a base principal de coñecemento para poder determinar os axentes biolóxicos que poden atacar a madeira nunha determinada situación. En base a esta clasificación pódese considerar o tipo e a duración da prestación necesaria, seleccionar un nivel apropiado de durabilidade e asegurarse de que a madeira ou produto derivado da madeira ofrece esta durabilidade.
Os factores que serven de referencia para definir as clases de uso son que a madeira se atope en contacto co chan, con auga doce ou con auga de mar e tamén a súa exposición á intemperie.
Clase de uso I:
Situación na que o elemento está baixo cuberta, completamente protexido da intemperie e non exposto á humidade. A madeira e os seus produtos derivados acadan contidos de humidade de equilibrio inferiores ao 18%.
Clase de uso II:
Situación na que o elemento está baixo cuberta e completamente protexido da intemperie, pero na que se pode dar ocasionalmente unha humidade ambiental elevada que pode conducir a unha humectación ocasional (humectacións superficiais) pero non persistente. A madeira e os seus produtos derivados acadan contidos de humidade de equilibrio inferiores ao 18-20%.
Clase de uso III:
Situación na que o elemento se atopa ao descuberto pero non en contacto co chan. O compoñente pode estar permanentemente exposto á intemperie, pero en calquera caso está sometida a unha humidificación frecuente. A madeira e os seus produtos derivados acadan contidos de humidade de equilibrio superiores ao 20%, con alternancias relativamente rápidas nos seus valores ao existir períodos de humectación e de sequedade.
Clase de uso IV:
Situación na que o elemento está en contacto co chan ou con auga doce e exposto a unha humidificación permanente. A madeira e os seus produtos derivados acadan contidos de humidade superiores ao 20% durante longos períodos de tempo.
Clase de uso V:
Situación na que o elemento está permanentemente en contacto coa auga salgada. A madeira e os seus produtos derivados acadan contidos de humidade de equilibrio superiores ao 20% durante longos períodos de tempo.